Monday 20 de May de 2024

Unha marea solidaria verde marchará contra o cancro na Pobra


A Pobra do Caramiñal emprenderá unha andaina solidaria contra o cancro no 19 de maio. A saída está fixada para as 10.30 horas dende a praza Alcalde Segundo Durán e existen dúas alternativas de percorrido: a grande e a mini. Trátase dunha cita que organiza a xunta local da Asociación Española Contra o Cancro da Pobra coa colaboración do Concello, ademais do patrocinio de varias empresas.

No acto de presentación, a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, animou toda a veciñanza a sumarse para que a cor verde tinga esta xornada de esperanza en formato de marcha contra o cancro. “Queremos contribuír a ese obxectivo marcado pola Asociación Española Contra o Cancro de acadar o 70% de supervivencia no cancro en 2030. Para lograr esa meta é imprescindible o apoio á investigación oncolóxica, o incentivo de accións de prevención e a atención a pacientes e familias. De aí a importancia deste tipo de iniciativas solidarias para recadar fondos. Por iso, o Concello da Pobra do Caramiñal amosa o seu compromiso cun dispositivo loxístico e de seguridade co fin de garanti-lo correcto desenvolvemento desta andaina”, precisou a edil.

Pola parte da xunta local da AECC asistiron Teresa Pérez, presidenta; Mariola Domínguez, secretaria; Ángeles Sanjurjo, tesoureira; e Rita Santiago, vogal. Antes do inicio do itinerario contarase cunha exhibición de alumnado da clase de Batucada Marcos Outeiral e, no remate da xornada, haberá actividades para as crianzas e a actuación de DJ Jalaiko.

A andaina grande consta dun circuíto de 10 quilómetros que pasa por Tarrío, Quintáns, Gonderande, A Pontenaveira, a torre de Xunqueiras, Caíños, A Corna, Cabío, O Xobre, o paseo dos Areos e regreso ao punto de partida.

Doutra banda, a mini sitúase nos 5 quilómetros que discorren por Tarrío, Quintáns, Gonderande, A Pontenaveira, o paseo da Xunqueira, o paseo dos Areos e voltarase á referida praza.

Disporase de avituallamento final.

As inscricións teñen un prezo de 5 euros por persoa adulta e de 3 euros para a rapazada ata 12 anos. O recadado irá destinado para a investigación, prevención e loita contra esta enfermidade. O trámite pódese formalizar a través da páxina web https://enmarcha.contraelcancer.es/es/evento/a-pobra-do-caraminal-en-marcha-contra-o-cancro-2024 ou de maneira presencial nos seguintes establecementos locais: Farmacia María Abeijón, Farmacia Tato, Farmacia Elsa Peñaranda Martínez, Farmacia Manuela Barrosa, Atmosfera Sport Maniotas/Sportmoda, Muebles Lijó ou nas mesas informativas da entidade habilitadas na praza de Maura aos mércores e sábados, das 11.00 ás 13.30 horas, e aos domingos, dende as 11.30 ata as 14.00 horas.

Quen non poida asistir, pero desexe igualmente achega-lo seu gran de area á causa, pode adquiri-lo dorsal solidario a través da web.

Polo momento, hai máis de 200 persoas inscritas e agárdase acada-la cifra das 450, polo cal se poderán sumar a esta iniciativa solidaria ata o propio día do evento.

A presidenta da xunta local da AECC aproveitou a ocasión para lembrar que en Ribeira se conta cunha sede de ámbito comarcal. Alí pódense coñece-los servizos e recursos: atención psicolóxica, atención social, logopedia, préstamo de perrucas e material ortoprotésico. A súa localización é na rúa Estatuto, número 1, fronte ao colexio Galaxia. Tamén se dispón do teléfono gratuíto 900100036.

Deja un comentario